Información: Validacións e Exencións, Faltas, Baixa, Traslado e Renuncia

Validacións e exencións:
As solicitudes de validación presentaranse perante a dirección do centro educativo dentro dos primeiros vinte días contados desde o comezo das clases.
O documento de solicitude podese pedir na Oficina ou descargalo na sección do DIOP na web do CIFP. Nel deberás especificar estudios realizados e os módulos que desexas validar.
Ademais da solicitude deberás presentar o certificado de estudios (orixinal) que aportas.
É moi conveniente que entregues persoalmente a solicitude na Oficina do centro, para que poidan comprobar os requisitos.
Se non podes entregala na Oficina fai unha fotocopia da solicitude, mete todos os documentos nun sobre aberto dirixido a: ‘CIFP Fraga do Eume, 3, 15600 Pontedeume (A Coruña)’, vai a Correos e fai o envío por correo certificado, e pide que che sellen a fotocopia, coa que te quedarás ti. No prazo de dous ou tres días chama á Oficina e pregunta se chegou a túa documentación e
se está correcta.
Todo o que se alegue para a validación ten que estar cumprido antes da matrícula.
Recorda que o prazo son 20 días desde o comezo das clases. Por tanto axiliza os trámites para que todo estea rematado antes dese día

Validación de estudios universitarios:
Toda a documentación correspondente farase en castelán. A solicitude de instancia podes pedila na Oficina ou descargala na sección do DIOP na web do CIFP. Hai que poñer especial atención aos códigos e denominación dos módulos que se queren validar. Ademais da solicitude débese acompañar o certificado de estudios orixinal (e fotocopia para compulsar, no seu caso) e os programas oficiais das asignaturas cursadas na universidade (selladas polo Departamento), todo en castelán.

Faltas de asistencia:
Perda do dereito á avaliación continua nos ciclos de grao medio e de grao superior (Resolución do 18 de xuño de 2021).
1. Conforme se determina no artigo 25 da Orde do 12 de xullo de 2011, o número de faltas que implica a perda do dereito á avaliación continua nun determinado módulo será do 10 % respecto da súa duración total. Para os efectos de determinación da perda do dereito á avaliación continua, o profesorado valorará as circunstancias persoais e laborais do alumno ou a alumna na xustificación desas faltas, cuxa aceptación será acorde co establecido no correspondente regulamento de réxime interior do centro.
Para tales efectos e con carácter previo, o centro enviará un apercibimento ao alumno ou á alumna cando as faltas de asistencia inxustificadas consonte o anterior nun determinado módulo superen o 6 % respecto da súa duración total. Nel indicarase que perderá o dereito á avaliación continua no módulo de acumular un 10 % de inasistencias inxustificadas con respecto á súa duración total.
Cando as faltas de asistencia alcancen a citada porcentaxe comunicarase a perda do dereito á avaliación continua. No caso de que se produza a perda do dereito á avaliación continua, na secretaría do centro deberá quedar constancia do apercibimento e da comunicación da perda do dereito á avaliación continua.
2. Para o alumnado matriculado logo de iniciadas as actividades lectivas, non se terán en consideración as sesións previas á formalización da matrícula.
3. O alumnado que perdese o dereito á avaliación continua nun determinado módulo terá dereito a unha proba final extraordinaria previa á avaliación final de módulos correspondente, de acordo co establecido no artigo 25.5 da Orde do 12 de xullo de 2011.
4. Segundo o artigo 20.5 da Orde do 13 de xullo de 2015 pola que se regulan as ensinanzas de formación profesional básica na Comunidade Autónoma de Galicia, así como o acceso e a admisión nestas ensinanzas, a perda do dereito á avaliación continua nun determinado módulo non lle será de aplicación ao alumnado de ciclos formativos de formación profesional básica en idade
de escolarización obrigatoria.

Baixa de oficio:
Anulación e baixa de oficio de matrícula (Resolución do 18 de xuño de 2021).
1. Con independencia do réxime, nas modalidades presencial e a distancia, a renuncia ou anulación e a baixa de matrícula rexeranse polo disposto nos artigos 7, 8, 9 e 10 da Orde do 12 de xullo de 2011 pola que se regulan o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial.
2. Para o disposto no artigo 9.1 da Orde do 12 de xullo de 2011, entenderase que o requirimento realizado polo centro ao alumnado se realiza a través do correo electrónico facilitado polo alumnado na solicitude de admisión ou matrícula. O centro deberá solicitar e dispor da confirmación de lectura do correo electrónico por parte do alumnado.

Traslado:
O proceso que deben seguir o alumnado e os centros será o seguinte:
1. O alumno ou a alumna presentarán a solicitude de traslado no centro onde soliciten ser admitidos, e indicarán documentalmente as causas que xustifican a súa petición.
2. De non existiren prazas vacantes, ou no caso de que as razóns en que se basee a solicitude de traslado non sexan as previstas no artigo anterior ou non estean debidamente xustificadas, a dirección do centro resolverá negativamente sobre a dita solicitude. En caso contrario, a dirección do centro solicitado requirirá do centro de orixe a seguinte documentación:
a) Certificación académica oficial.
b) Informe de avaliación individualizado, no cal deberán constar as cualificacións parciais e as valoracións da aprendizaxe outorgadas ata ese momento á persoa interesada, así como as medidas de reforzo educativo e de flexibilización modular adoptadas. Este informe será elaborado polo titor ou a titora do ciclo formativo a partir dos datos facilitados polo profesorado.
c) Certificación da dirección do centro de orixe de non ter perdido o dereito á avaliación continua.
d) Copia das programacións dos módulos profesionais do curso para o cal se solicite o traslado, e informe sobre o seu desenvolvemento.
3. A dirección do centro solicitado resolverá sobre a petición de traslado no prazo máximo de 10 días naturais, con base na documentación recibida e no informe elaborado polo titor ou a titora do curso correspondente do seu centro, en relación á oportunidade ou non da concesión, tendo en conta as programacións dos módulos dos centros de orixe e de destino. O centro enviará copia da solicitude de traslado e da súa resolución ao servizo territorial de inspección educativa.
4. Contra esta resolución, a persoa interesada poderá interpor recurso de alzada no prazo máximo dun mes ante o xefe ou a xefa territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá, valorando o informe previo do Servizo de Inspección Educativa. A dita resolución esgotará a vía administrativa.
5. Ao alumnado que iniciase os estudos en administracións educativas onde a programación dos módulos estea secuenciada en períodos educativos diferentes aos da Comunidade Autónoma de Galicia, no caso de resolución positiva da solicitude de traslado, confeccionáraselle un horario o máis favorable dentro das posibilidades horarias do centro. Esta circunstancia deberase pór en
coñecemento do correspondente servizo territorial de inspección educativa.
Así mesmo, o centro informará estas persoas dos módulos que teñan pendentes de cursar para a obtención do título e a súa secuencia temporal e académica, así como dos módulos que deban ter superados antes da realización do módulo de formación en centros de traballo, de ser o caso.

Renuncia á matrícula:
Renuncia e anulación de matrícula (Resolución do 18 de xuño de 2021).
No caso do alumnado en idade de escolarización obrigatoria matriculado nun ciclo de formación profesional básica, aplicarase soamente e por petición da persoa interesada:
a) A renuncia á matricula no caso de doenza prolongada de carácter físico ou psíquico do alumno ou alumna, que lle impida a realización do ciclo formativo.
b) A anulación da matrícula na primeira semana de actividades lectivas. A praza vacante será cuberta polo alumnado en lista de espera, ata completar a cota asignada ao grupo.
De serlle concedida a renuncia ou a anulación de matrícula, a xefatura territorial autorizará a súa incorporación ao curso que corresponda da educación secundaria obrigatoria para continuar os seus estudos.